A XXXIV Feira Mercado e Mostra do Mel de Quiroga contará coa participación de oito apicultores

O Concello de Quiroga celebra o domingo 10 de agosto a XXXIV edición da Mostra do Mel, un evento consolidado que se desenvolverá coincidindo coa feira máis concorrida do ano no municipio.
A rúa Real, nas proximidades da casa consistorial, converterase nun recinto feiral aberto desde as 11:00 horas da mañá, onde se poderá adquirir mel e outros produtos apícolas como xelea real, pole ou própole. Nesta edición participan oito apicultores procedentes de diferentes parroquias de Quiroga, como Montefurado, Outeiro ou Paradapiñol.
A diversidade do territorio reflíctese na variedade do mel ofrecido, que varía segundo a localización das colmeas. Nas zonas altas predomina o mel de castiñeiro, mentres que nas zonas baixas destaca o mel de brezo. Nas áreas intermedias prodúcese un mel multifloral resultado da mestura de castiñeiro, queiruga e outras especies, grazas á combinación de vexetación atlántica e mediterránea que caracteriza a contorna.
A xornada tamén contará con animación musical. O grupo de gaitas O Recanto abrirá a mañá cunha alborada e, a partir da unha do mediodía, NoAllKansas amenizará a sesión vermú cun repertorio baseado en temas das décadas dos 70, 80 e 90, cun enfoque renovado.