A XXXIV Festa do Caldo de Ósos de Taboada encheu a vila de gastronomía e tradición

RibeiraSacraXa
Trátase dunha das citas gastronómicas máis consolidadas da provincia que reuniu a centos de persas durante toda a fin de semana para degustar este prazo tradicional
festa-caldo-de-osos-taboada
16 Feb 2026

Taboada celebrou esta fin de semana a trixésimo cuarta edición da Festa do Caldo de Ósos, unha das citas gastronómicas máis consolidadas da provincia e que reuniu a centos de persoas para degustar este prato tradicional, unha sopa a base de garavanzos e soá de porco.

As celebracións deron comezo xa o venres coa inauguración doa exposición “O legado que nos une”, que reúne fotografías antigas entregadas polos veciños, e o sábado foi a quenda da preestrea do documental “Galletas de Xián: un doce legado” e unha cata de produtos artesanais galegos, seguida dunha ruta polos locais de hostalaría do municipio.

O escenario central das celebracións foi o recinto feiral, situado entre a Praza de Riazón e o campo da feira, que contou cun mercado de artesanía con demostracións en directo, unha exposición de razas autóctonas e un amplo programa de actividades culturais e musicais. Entre elas destacaron o folión e o desfile de cabezudos organizados pola Asociación Cultural Rechouchíos, un obradoiro infantil de cociña e as actuacións de Cantigas e Frores e da Orquestra Los Satélites.

Ata alí desprazouse este domingo a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañada do alcalde de Taboada, Roi Rigueira. A presidenta quixo poñer en valor a importancia desta festa, resaltando que se trata dunha das citas gastronómicas “máis consolidadas da provincia” que en cada edición consegue atraer a numerosos veciños e visitantes ata Taboada e fixo fincapé en que “o caldo de ósos que aquí se elabora destaca pola súa calidade e polo seu sabor, pero tamén pola historia que leva detrás” e definiuno como un “prato estrela que pasou de xeración a xeración conservando un patrimonio que transcende ao ámbito culinario”.

⚙ Configurar cookies
0.076756000518799