A XXXII Feira do Viño de Vilachá xa ten programa completo

RibeiraSacraXa
Durante tres días, do 2 ao 4 de maio, Vilachá converterase nun punto de encontro para amantes do viño, da tradición e da boa música
cartel-feira-do-viño-de-vilacha
20 Apr 2025

A Pobra do Brollón prepárase para unha das súas citas máis emblemáticas coa cultura vinícola: a celebración da XXXII Feira do Viño de Vilachá, que terá lugar a primeira fin de semana de maio. Durante tres días, do 2 ao 4, a vila converterase nun punto de encontro para amantes do viño, da tradición e da boa música, coa presenza destacada de dous expertos e grandes divulgadores da cultura do viño: Cristina Alcalá e Juanjo Figueroa.

O venres 2 abrirá a festa co pasacalles musical de Juanjo Figueroa e amizades, que percorrerán as rúas da aldea a partir das 21:00. As bodegas estarán abertas ao público para beber e petiscar, nun ambiente festivo e acolledor.

O sábado 3, ás 13:00 no Escenario da Festa, chega un dos pratos fortes da programación: a cata comentada “Oralidade, pel e madeira. Percorrido polos viños de barrica de Vilachá”, guiada por Cristina Alcalá e Juanjo Figueroa. A proposta inclúe a degustación de 7 viños por 15 euros, e require reserva previa vía WhatsApp no 650 624 828. A experiencia completarase cunha sorpresa musical.

O domingo 4, tamén ás 13:00, Cristina Alcalá será a encargada de ofrecer o pregón da festa, compartindo a súa visión e paixón polo mundo do viño. A continuación, a Escola de Música Samoeiro porá a nota artística da xornada.

E para rematar, ás 19:00, celebrarase a tradicional cata-concurso dos viños de “furancho”, con premio do xurado e premio popular elixido polo público asistente. O acceso é libre e promete ser un dos momentos máis animados da fin de semana.

⚙ Configurar cookies
0.33521914482117