A XXXII Feira do Viño de Vilachá xa ten programa completo de actividades

A primeira fin de semana de maio celébrase a edición número 32 da Feira do Viño de Vilachá. Será no conxunto de adegas medievais da Abelaira, na parroquia de Vilachá de Salvadur.
Nesta edición participan as adegas Adega Vella, Bico de Lagar, Casa do Curuxo, Sernande e Tolo do Xisto. Tamén participan seis adegas baixo o réxime de furanchos, 'colleiteiros' en edicións anteriores: Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, O Currio, Os Conventos e Outeiro, ademais de Carlos Vázquez Díaz. A maiores, participa unha adega convidada chegada dende O Morrazo: Antonio Portela de Viños do Mar.
Coa excepción da adega convidada, todos os participantes teñen viñas en Vilachá, unha ribeira única na Ribeira Sacra que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional.
A programación arranca o venres 2 cunha 'pasadegas musical' na que o músico e sumiller Juanjo Figueroa, acompañado de amizades, irá de adega en adega tocando música entre viños.
O sábado 3, Juanjo Figueroa e Cristina Alcalá guiarán unha cata de viños de barrica de Vilachá baixo o título 'Oralidade, pel e madeira', na que tamén haberá unha sorpresa musical. Esta cata inclúe sete viños e ten un custe de 15 euros por persoa. Comezará ás 13:00 horas e require de reserva previa por WhatsApp no teléfono 650624828.
O domingo de Feira, ás 13:00 horas, terá lugar o pregón a cargo de Cristina Alcalá, comunicadora da cultura do viño cunha traxectoria profesional de máis de 25 anos nos ámbitos da comunicación, a docencia e a xestión cultural. Tras o pregón actuará o alumnado da Escola municipal de Música 'Samoeiro'.
O domingo remata a programación ás 19:00 horas cunha cata-concurso dos viños de furancho. Daranse dous premios, o do xurado e o popular. Ambos decídense no mesmo momento nunha cata a cegas dos viños dos furanchos participantes nas categorías de branco e tinto.
A participación dos e das asistentes á Feira e a rotación polas diferentes adegas e furanchos participantes tamén se fomenta cun sorteo dunha noite con circuíto termal para dúas persoas no Hotel Iberik Augas Santas (Pantón). Para participar, hai que recoller unha tarxeta no punto de información da feira e enchela cos selos de ao menos seis adegas e/ou furanchos participantes na Feira. As tarxetas seladas deposítanse no mesmo punto de información para participar no sorteo.
Tanto o sábado como o domingo da Feira estarán animados por trece agrupacións de cantos de taberna e música tradicional. O sábado participarán Dakidoasma, Os Bochetas, Os Ministreles, O Recanto, Searas, Skachakunchas e Son do Mao. O domingo será a quenda de Abertal, Cantareiras de Fornelas, D’Tazas, Escola de Música Samoeiro, Lagháchema e Somontanos.
Ambos días haberá polbo e churrasco, 'foodtrucks' con hamburguesas e alternativas veganas e vexetarianas, ademais doutros postos de comida con opcións doces e salgadas.