A XXXII Feira do Viño de Vilachá foi todo un éxito

RibeiraSacraXa
Os asistentes gozaron do viño, da gastronomía e da música nunha fin de semana chea de actividades
feira-do-viño-de-vilacha
5 May 2025

Esta fin de semana tivo lugar no conxunto de adegas medievais da Abelaira, na parroquia de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), a 32ª edición da Feira do Viño de Vilachá.

Nesta edición participaron as adegas Adega Vella, Bico de Lagar, Casa do Curuxo, Sernande e Tolo do Xisto. Tamén estiveron presentes seis adegas baixo o réxime de furanchos, antigos 'colleiteiros' noutras edicións: Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, O Currio, Os Conventos e Outeiro, ademais de Carlos Vázquez Díaz. A maiores, contou coa participación dunha adega convidada procedente do Morrazo: Antonio Portela de Viños do Mar.

Agás esta última, todas as adegas participantes contan con viñas en Vilachá, unha ribeira única na Ribeira Sacra que conserva un sistema produtivo moi tradicional.

A programación deu comezo o venres 2 cunha 'pasadegas musical' na que o músico e sumiller Juanjo Figueroa, acompañado de amizades, percorreu as adegas interpretando música entre viños.

O sábado 3, Juanjo Figueroa e Cristina Alcalá guiaron unha cata de viños de barrica de Vilachá titulada Oralidade, pel e madeira, que contou tamén cunha sorpresa musical. O domingo da Feira, ás 13:00 horas, tivo lugar o pregón a cargo de Cristina Alcalá, comunicadora especializada na cultura do viño cunha traxectoria de máis de 25 anos en comunicación, docencia e xestión cultural. A continuación actuou o alumnado da Escola Municipal de Música 'Samoeiro'.

A programación pechouse o domingo ás 19.00 horas cunha cata-concurso dos viños de furancho, na que se entregaron os premios do xurdado e o premio popular.
A participación do público tamén se incentivou cun sorteo dunha noite con circuíto termal para dúas persoas no Hotel Iberik Augas Santas (Pantón).

Durante o sábado e o domingo, a Feira estivo ambientada por trece agrupacións de cantos de taberna e música tradicional. O sábado actuaron Dakidoasma, Os Bochetas, Os Ministreles, O Recanto, Searas, Skachakunchas e Son do Mao. O domingo foi a quenda de Abertal, Cantareiras de Fornelas, D’Tazas, Escola de Música Samoeiro, Lagháchema e Somontanos.

Ambos días ofrecéronse pratos como polbo e churrasco, foodtrucks con hamburguesas e opcións veganas e vexetarianas, ademais doutros postos de comida con alternativas doces e salgadas.

⚙ Configurar cookies
0.1574170589447