A XXX edición da Feira do Viño de Vilachá da Pobra do Brollón contou coa presenza de Ana Pontón

RibeiraSacraXa
A XXX edición da Feira do Viño de Vilachá da Pobra do Brollón contou coa presenza de Ana Pontón, líder nacionalista
Feira Viño Vilachá BNG
8 Maio 2023

A Feira do Viño de Vilachá, que celebrou este fin de semana o seu trinta aniversario na Pobra do Brollón, acolleu diversas actividades nas que participaron centos de persoas, o que a converteu nunha edición de éxito.

Ademais doutras personalidades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta Feira, unha celebración que se distingue especialmente por levarse a cabo nun entorno de gran valor histórico e etnográfico: un conxunto de adegas centenarias.

“A denominación de orixe Ribeira Sacra ten uns caldos de excelente calidade pero ademais, esta feira ten a particularidade de celebrarse nun entorno privilexiado, de gran valor etnográfico, histórico e paisaxístico”, indicou Pontón.

Así, desde a agrupación nacionalista defenden que o sector vitivinícola "é clave no medio rural, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego, pero tamén pola súa capacidade para preservar o territorio, fixar poboación e dinamizar outros sectores económicos como o turismo de calidade".

Con respecto disto, a portavoz nacional lembrou que “estamos a falar dun sector que contribúe decididamente a manter vivo e activo o rural”. “Nunha Galiza no que o 90% do territorio é rural non se entende o futuro se deixamos atrás a maior parte do noso territorio”, indicou.

Neste sentido, o BNG aposta por unha discriminación positiva co medio rural, en particular en materia de servizos públicos, por un rural ben conectado en mobilidade e tamén en novas tecnoloxías, que fixe poboación e que sexa atractivo para á mocidade.

“No Bloque somos capaces de darlles calidade de vida aos concellos, de transformalos en positivo, con servizos, con actividades de ocio e lecer para a veciñanza e con dinamismo económico, social e cultural tamén nos pequenos municipios”, declarou a líder nacionalista.

0.19997811317444