A XXVI Mostra do Aceite de Quiroga presenta o seu programa de actividades

GaliciaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
A música tradicional galega terá tamén un papel destacado na xornada do domingo coa actuación da Asociación Cultural Peleriños, de Sarria
mostra-do-aceite-de-quirogaa-recurso
19 Feb 2026

A vila de Quiroga prepárase para vivir unha fin de semana dedicada ao seu produto máis emblemático coa celebración da XXVI Mostra do Aceite, unha cita declarada de Interese Turístico de Galicia que terá lugar os días 14 e 15 de marzo.

A comisión organizadora, integrada polo alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, produtores locais, técnicos municipais e o primeiro embaixador do aceite quirogués, o chef Kike Piñeiro —do restaurante A Horta do Obradoiro—, vén de pechar un programa que pon o foco na calidade e singularidade do Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE) da zona.

A programación arrancará o sábado 14 co III Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga, que se desenvolverá no Auditorio Municipal a partir das cinco da tarde. O enxeñeiro agrónomo José Manuel Gómez Sanmartín abrirá as intervencións cun relatorio sobre a realidade das explotacións de oliveiras en Galicia. A continuación, Marga Fraga Ares abordará a aplicación da biotecnoloxía na produción de variedades autóctonas, mentres que Beatriz Cancho Grande analizará o potencial antidiabético dos aceites galegos.

A xornada completarase coa cea cóctel “Os sabores que medran aquí”, na que os chefs Eloy Cancela, Kike Piñeiro e Iván Méndez elaborarán diferentes propostas gastronómicas co aceite como fío condutor. O evento contará coa música do violinista Marcos Valcárcel e requirirá a retirada previa de entrada na Oficina de Turismo.

O domingo 15, a actividade trasladarase tamén á praza do Auditorio Municipal, onde desde as once da mañá abrirán os postos de venda dos colleiteiros locais: Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga, Ouro de Quiroga, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.

Durante a mañá, o Muíño de Aceite de Bendilló ofrecerá demostracións da elaboración tradicional do aceite, e haberá autobuses gratuítos desde a praza do Auditorio ata o lugar das Farrapas. Pola súa banda, O Museo Etnográfico acollerá dúas degustacións comentadas para as que será preciso adquirir entrada no recinto feiral.

Un dos momentos centrais da xornada chegará ás 13:30 horas, cando se nomeará novo Embaixador do Aceite de Quiroga ao chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, distinguido con dúas estrelas Michelin. Tras o acto, o cociñeiro ofrecerá unha demostración culinaria empregando os aceites locais, e os asistentes poderán degustar os pinchos elaborados, previa adquisición de entrada.

A música tradicional tamén terá protagonismo coa actuación do grupo “Asociación Cultural Peleriños”, de Sarria, que animará a mañá do domingo no recinto feiral.
Ademais, coincidindo coa mostra, a entrada do auditorio municipal acollerá a primeira Exposición de Camelias en Quiroga, unha iniciativa impulsada por José Ramón Teixeira, recoñecido coleccionista e cultivador galego desta flor.

⚙ Configurar cookies
0.087560892105103