A XXVI Festa da Pisa da Castaña regresa a Froxán o 7 de decembro

A Asociación Cultural Fonte do Milagro organiza o próximo 7 de decembro de 2025 a tradicional Festa da Pisa da Castaña, un dos eventos culturais con maior percorrido da comarca. A cita mestura tradición, cultura e gastronomía e pretende manter viva a esencia e o valor etnográfico dunha práctica centenaria.
O programa comezará ás 11:00 horas co acendido do sequeiro e o almorzo para os pisadores. Ás 11:30 realizarase unha mostra e explicación do funcionamento do sequeiro, seguida ás 12:00 dunha demostración do pisado e abandoxado da castaña.
Ás 13:45 terá lugar o pregón, a cargo da actriz galega Mónica Caamaño. Despois, ás 14:15, poderase desfrutar do menú do pisador, que inclúe castaña cocida, chourizo, panceta e torta de castaña, cun prezo de 15 euros.
Pola tarde, ás 16:30, haberá unha nova volta á mostra do pisado e abandoxado, aberta á participación de todas as persoas interesadas. Durante a demostración realizaranse sorteos de varios agasallos, que se repetirán ata que aparezan os agraciados.
Ademais, durante toda a xornada haberá postos de artesanía e venda de produtos locais, así como servizo de polbo e churrasco. A festa tamén invita a músicos e bailaríns, profesionais ou afeccionados, a participar e gozar da tradición.