A XXVI edición da Mostra do Aceite de Quiroga xa ten data de celebración

RibeiraSacraXa
Será os días 14 e 15 de marzo de 2026 e incluirá o III Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga
Mostra-do-Aceite-de-Quiroga-2023
10 Oct 2025

A XXVI edición da Mostra do Aceite de Quiroga xa ten datas confirmadas para a súa edición de 2026. Será os días 14 e 15 de marzo, tal e como o acordou a comisión organizadora nunha reunión na que se comezou a definir a programación e as novidades da próxima edición.

Na reunión participaron o alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, produtores de aceite, técnicos municipais, e o primeiro embaixador do aceite quirogués, o chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro de Santiago de Compostela. O encontro serviu tamén para facer balance da pasada edición e avaliar posibles melloras.

A mostra manterá o seu formato habitual de dous días dedicados á promoción e exaltación do aceite de Quiroga, un produto xa consolidado como referente da zona. Ademais, en 2026 celebrarase o III Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga, que reunirá a profesionais, expertos e produtores para debater sobre os retos e oportunidades do sector.

A comisión continuará traballando nas vindeiras semanas para pechar o programa completo do evento, que volverá converter a Quiroga nun punto de encontro para o público e os amantes do aceite de oliva.

⚙ Configurar cookies
0.084227085113525