A XXV Mostra do Aceite de Quiroga presenta o seu programa oficial

A celebración do “II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga”, a dobre localización e a creación da figura do “Embaixador do Aceite de Quiroga” son as grandes novidades coas que se presenta esta nova edición da Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebrará os días 29 e 30 de marzo e que acaba de presentar o seu programa oficial.
Neste segundo congreso, que se realizará o sábado 29 no Auditorio Municipal, a partir das cinco da tarde, participarán persoas de renome no mundo do aceite nacional.
O presidente da APAAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia), Alfonso Rodríguez Udías, exporá a “Situación do cultivo da oliveira en Galicia”. A científica do CSIC, Carmen Martínez, falará sobre as “Novas variedades de oliveira autóctona de Galicia, únicas no mundo”.
Baixo o título “O Aceite de oliva extra na alimentación saudable”, terán lugar as intervencións de Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora principal do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago) e vogal da SEEDO (Sociedade Española para o Estudo da Obesidade); e do chef galego, Kike Piñeiro, galardoado co premio á Gastronomía Saudable no 2024 pola Sociedade Española da Obesidade.
O congreso rematará ás oito da tarde cunha demostración de cociña con aceite de Quiroga, que incluirá a degustación de tapas elaboradas polo chef Gerson Iglesias do restaurante Erva Hotel Oca Villa de Allariz e os chefs Diego Domínguez e Maica Couto do local A Ostrería do Mercado de Abastos de Santiago. A música do grupo local O Recanto poñerá o broche final ao II Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga.
Outra das grandes novidades será a dobre localización na xornada do 30 de marzo. O domingo, os postos de venda estarán ubicados, a partir das once da mañá, na praza do Auditorio Municipal e realizaranse diversas actividades aproveitando as instalacións municipais que a rodean. Ademais, o Muíño de Aceite de Bendilló estará en funcionamento para que os visitantes poidan presenciar a elaboración tradicional do aceite. Para facilitar o desprazamento ata o muíño, habilitaranse autobuses gratuítos que sairan desde a praza do Auditorio ás 11:00, 12:00 e 13:00 horas.
Sete son os olivicultores que participarán na Mostra do Aceite de Quiroga, Festa de Interese Turístico de Galicia, que este ano celebra a súa XXV edición. Para poder participar, os requisitos indispensables eran contar co rexistro sanitario vixente e unha colleita mínima de 200 litros de aceite, requisitos que cumpren os sete participantes: Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Aceiroga, Jesús Arias Rodríguez, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.
Seguindo coas actividades programadas para o 25 aniversario da mostra, realizaranse degustacións comentadas dos aceites participantes na mostra. Estas degustacións terán lugar na sala de catas do Museo Etnográfico ás 12:00, 13:00 e 16:30 horas.
Por primeira vez nomearase ao embaixador do aceite. Ás 13:30 horas, o chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago de Compostela, será nomeado como o primeiro Embaixador do Aceite de Quiroga. Tras o seu nomeamento, o chef realizará unha demostración de cociña cos aceites de Quiroga como protagonistas.
Durante esta xornada, o recinto feiral estará animado polo grupo de música tradicional “O Ventosiño” e pola música de raíz de Xavier Blanco da Fundación Legar. O evento finalizará no anfiteatro do recinto cun peche musical que poñerá fin á XXV Mostra do Aceite de Quiroga.