A XXV Mostra do Aceite de Quiroga celebra o seu día grande

A Mostra do Aceite de Quiroga festexa este sábado o seu día grande, estreano nova localización. Os postos de venda estarán ubicados, a partir das once da mañá, na praza do Auditorio Municipal e realizaranse diversas actividades aproveitando as instalacións municipais que a rodean.
Ademais, o Muíño de Aceite de Bendilló estará en funcionamento para que os visitantes poidan presenciar a elaboración tradicional do aceite. Para facilitar o desprazamento ata o muíño, habilitaranse autobuses gratuítos que sairan desde a praza do Auditorio ás 11:00, 12.00 e 13.00 horas.
Sete son os olivicultores que participan este ano na Mostra do Aceite de Quiroga, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Durante a xornada, realizaranse degustacións comentadas dos aceites participantes na mostra. Estas degustacións terán lugar na sala de catas do Museo Etnográfico ás 12.00, 13.00 e 16.30 horas.
Por primeira vez nomearase ao embaixador do aceite. Ás 13:30 horas, o chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago de Compostela, será nomeado como o primeiro Embaixador do Aceite de Quiroga. Tras o seu nomeamento, o chef realizará unha demostración de cociña cos aceites de Quiroga como protagonistas.
Durante esta xornada, o recinto feiral estará animado polo grupo de música tradicional “O Ventosiño” e pola música de raíz de Xavier Blanco da Fundación Legar. O evento finalizará no anfiteatro do recinto cun peche musical que poñerá fin á XXV Mostra do Aceite de Quiroga.
Porgrama completo
- 11.00 horas. Apertura de postos de venda en Quiroga, Praza do Auditorio.
- 11.00-14.00 horas. "Demostración de elaboración tradicional de aceite no muíño de aceite de Bendilló". Saída de autobuses gratuitos desde a praza do Auditorio de Quiroga ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas.
- 12.00 horas. Pasarrúas por Quiroga e animación do recinto feiral co grupo de música tradicional "O Ventosín". Programa TRADIGALU, Deputación Vicepresidencia 1ª Cultura.
- 12.00-13.00 horas. Degustación comentada dos aceites participantes na mostra. Na sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga.
- 13.30 horas. Acto de nomeamento do I Embaixador do Aceite de Quiroga ao Chef Kike Piñeiro do Restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago de Compostela.
- 13.45 horas. Demostración de cociña, cos aceites de Quiroga como protagonistas, a cargo do Chef Kike Piñeiro.
- 16.30 horas. Degustación comentada dos aceites participantes na mostra. Na sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga.
- 17.30 horas. Actuación de música de raíz no anfiteatro do recinto feiral con Xavier Blanco da Fundación Legar.