A XXIX Cata dos Viños da Ribeira Sacra entregou os seus premios

A XXIX Cata dos Viños da Ribeira Sacra entregou os seus premios este venres nun acto que tivo lugar en Pantón e que contou coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, entre outras autoridades.
Tomé Roca destacou “a altísima calidade dos viños que se están facendo na Ribeira Sacra, viños de primeiro nivel, á vangarda no mercado e xa recoñecidos e apreciados a nivel internacional”. Tamén puxo en valor o traballo dos viticultores, adegueiros da comarca e o traballo que desenvolve a Denominación de Orixe, afirmando que “son un exemplo de compromiso coa terra, coa tradición e coa innovación”.
Pola súa conta, María José Gómez fixo fincapé no gran labor que realizan os viticultores desta zona por manter a calidade dos viños e o xeito ancestral de colleitalo en grandes pendentes, moitas veces sen máquinas, que fan desta tarefa unha viticultura heroica. Ademais, tivo unha especial mención para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco polo seu “valor universal excepcional”, as como pola súa “riqueza natural, cultural e histórica”.
A cata, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, contou coa participación de 21 adegas e 65 mostras, entre viños brancos, tintos e doutras añadas. Os premios entregados foron elaborados polo artesán José Elías González Prieto, do Centro de Alfarería de Gundivós, unha mostra máis do vínculo entre o viño e a cultura da Ribeira Sacra.