A XXI Festa da Cereixa de Ribas de Sil presenta o programa completo de actividades

RibeiraSacraXa
Terá lugar esta fin de semana na praia fluvial de San Clodio
Festa-da-Cereixa,-do-Viño-e-do-Aceite-Ribas-de-Sil
4 Jun 2025

A XXI Festa da Cereixa de Ribas de Sil regresa en 2025 organizada polo Concello de Ribas de Sil en colaboración coa Deputación de Lugo e o Xeoparque Montañas do Courel.

A cita, que acaba de anunciar o seu programa de actividades para esta nova edición, terá lugar os días 7 e 8 de xuño na praia fluvial de San Clodio.

Tras 21 anos de historia, esta festa está consolidada no calendario da Ribeira Sacra como un dos eventos de referencia e reúne cada ano a milleiros de persoas. O evento pon en valor a importancia do sector primario e dos produtores locais, destacando o patrimonio gastronómico da contorna.

O programa arrancará o sábado, día 7, coa apertura do recinto e unha xornada de portas abertas no Xeocamping de Ribas de Sil. Pola tarde, inaugurarase unha exposición de pintura na Aula de Pesca e ás 20:00 horas terá lugar unha actuación musical a cargo de Maario Coloman & The Clocks Band.

O domingo, as actividades da mañá incluirán unha actuación musical a cargo dunha charanga ás 11:00 horas e a actuación do grupo de baile ‘Foliada do Río Grande’ de Vimianzo. O encargado de dar o pregón deste ano será o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ás 13:30 horas. Xa pola tarde, actuará a charanga Km0 e o fin da festa estará a cargo de Rafa Aguiar.

⚙ Configurar cookies
0.16433215141296