A XXI Festa da Cereixa de Ribas de Sil foi todo un éxito

A XXI Festa da Cereixa de Ribas de Sil regresou esta fin de semana á praia fluvial de San Clodio cun gran éxito de participación, poñendo en valor a importancia do sector primario e dos produtores locais, destacando o patrimonio gastronómico da contorna.
Tras 21 anos de historia, esta festa está consolidada no calendario da Ribeira Sacra como un dos eventos de referencia e reúne cada ano a milleiros de persoas.
A cita arrancou o sábado cunha mostra de pintura na Aula de Pesca e a actuación do grupo Mario Coloman & The Clocks Band e, o domingo, unha charanga foi a encargada de dar comezo ás celebracións. A xornada contou tamén coa ctuación do grupo de baile ‘Foliada do Río Grande’ de Vimianzo, a charanga Km0 e o músico Rafa Aguiar, encargado de pechar a festa.
O pregón deste ano estivo a cargo do alcalde de Monforte e presidente da Deputación, José Tomé que puxo en valor “o rural galego, as súas tradicións e o valor dos produtos locais e das persoas que os producen”.
O mandatario provincial sinalou que esta celebración “non é unha festa calquera, senón a expresión dunha identidade que medrou á beira do Sil, e dunha tradición que enche de sabor a nosa mesa e de sentido a nosa vida”. Numerosas persoas seguiron o pregón desde a Praia Fluvial de San Clodio, un dos escenarios naturais máis recoñecidos do concello, e símbolo, segundo o Presidente, “dese rural vivo e orgulloso que aposta polo futuro”.
Lembrou, ademais, a súa ligazón coa Ribeira Sacra, onde leva décadas vivindo e traballando, e puxo como exemplo o compromiso da Deputación de Lugo con esta comarca, o Concello de Ribas de Sil e especialmente con esta cita, á que a institución provincial aporta 9.000 euros a través do Plan Deputación.