A XXI Feira Outrora de Rubián contará con máis de 35 postos

O Concello de Bóveda organiza este luns, 14 de xullo, unha nova edición da Feira Outrora de Rubián, que chega á súa XXI edición consolidada como unha cita de referencia para a promoción da artesanía e a cultura tradicional.
Este ano participarán máis de 35 postos nos que se poderá visitar exposicións e asistir a demostracións ao longo de toda a xornada. Entre as actividades destacadas figuran a exhibición de escultura con motoserra, obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño, catas gratuítas de produtos galegos como tenreira, queixos ou a torta de Sarria, e diferentes actuacións musicais e teatrais.
A programación contará tamén cun pasarrúas do Grupo de Gaitas do Concello, a actuación das Pandereteiras Xograres de Lemos, teatro da man de Raquel Crespo e un concerto da Coral de Bóveda na Capela. Un dos momentos máis esperados volverá ser a recreación dunha malla tradicional no campo da festa, que manterá viva esta parte do patrimonio agrario.
A xornada pecharase coa degustación do isco no guiso e unha sesión musical a cargo do DJ Vizcaíno. Con esta cita, o Concello de Bóveda aposta por manter vivas as tradicións e ofrecer unha feira para todos os públicos.