A Xustiza fallou novamente a favor do Concello de Monforte con respecto á demanda de Ramón Conde en canto á Zona C
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo fallou novamente a favor do Concello de Monforte en relación cunha demanda de recurso contencioso administrativo interposta por Ramón Conde, que solicitaba ao Concello a modificación do Proxecto de Reparcelación da Zona C.
O Xulgado acolle a pretensión municipal sobre a procedencia de aprobación do proxecto de reparcelación da Zona C, que si ben é certo que derivaba dunha modificación das Normas Subsidiarias do ano 2000 e do sistema de actuación no ano 2015, “a Administración está obrigada a executar os seus plans urbanísticos, non existindo necesidade de motivación expresa para decidir levalo a cabo nun determinado momento; precisamente, o extenso lapso temporal é o que xustifica que se proceda a poñer en marcha a actuación prevista no plan urbanístico”.
Desta maneira, a Xustiza volve a confirmar a legalidade das actuacións que o Concello levou a cabo en relación co proxecto da Zona C, e son xa varias as sentencias favorables que dan a razón ó Concello e que son acordes co ordenamento xurídico. Por isto, José Tomé reitera a súa satisfacción “por esta nova resolución que volve dar a razón ao Concello en relación coa Zona C, demostrándose unha vez máis que dende o Concello actuamos en todo momento conforme á lei, no que se refire o proceso construtivo de dita zona da cidade”.
Antecedentes
O terreo, denominado 'Zona C', foi cualificado como solo urbano non consolidado polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, hai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario, produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ao servizo da cidade de Monforte.
Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da 'Zona C', desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020. O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de notificación aos donos das parcelas afectadas por este proxecto a través dos axentes da cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.
O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan, e a aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.
Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado polo Alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto.
Unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de 915.225,85 euros (IVE engadido), o Concello iniciou o pasado 18 de xaneiro as actuacións encamiñadas a urbanizar e dotar de servizos á Zona C. E, tras o remate das obras, o alcalde e diversos membros do equipo de Goberno, inauguraron a Zona C o 15 de novembro de 2022.