A Xustiza dálle a razón a Amable Fernández e paraliza a moción de censura en Manzaneda

O tribunal vén de admitir a medida cautelar urxente presentada polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo, e suspende a tramitación da moción de censura prevista para mañá mércores, ao considerar que existen posibles causas de nulidade.
O xulgado concede ao Concello e ao secretario un prazo de tres días para formular as alegacións que consideren oportunas, coa advertencia de que, se non se pronuncian, manterase a decisión recollida neste auto sen necesidade de ditar unha nova resolución.
Amable Fernández solicitara hai uns días medidas cautelares tras detectar posibles irregularidades na presentación da moción por parte do PP. Segundo explicou o alcalde na súa apelación, a moción presentada o 15 de outubro foi certificada polo secretario, que alegou que cumpría cos requisitos legais e que permitía a celebración automática do pleno, sen ter en conta as irregularidades detectadas. Nese documento, Fernández indicaba que “consta que, dos catro concelleiros que asinaron, só dous compareceron ante o secretario para lexitimar as súas sinaturas, mentres que os outros dous foron validados sen presenza física nin autenticación notarial, segundo recoñeceu o propio secretario, polo que non pode lexitimar dúas sinaturas que non presenciou”.
O mesmo documento sinala tamén que o secretario “recoñeceu expresamente que só dous dos asinantes compareceran, incumprindo así o artigo 197.1 a) da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, que esixe a lexitimación de todas as sinaturas ante notario ou ante o secretario”.
Segundo a solicitude presentada, a notificación da moción de censura sería “totalmente defectuosa” e, segundo explican desde o partido, “limita claramente o acceso á información, dado que o mesmo día da súa presentación o secretario notificou aos membros do pleno unicamente a convocatoria da sesión correspondente, sen achegar o texto completo da moción”. Así mesmo, sinalan desde o PSdeG-PSOE que “a convocatoria do pleno constitúe un acto nulo de pleno dereito, o que causaría un prexuízo irreparable á corporación e á institución municipal”.
Desde a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebran a decisión do tribunal de aceptar a medida cautelar urxente solicitada polo PSOE, asegurando que, deste modo, a Xustiza reafirma que “as irregularidades na presentación da moción foron evidentes, xa que as sinaturas dos asinantes deben estar debidamente certificadas, ben ante o secretario, ben ante notario, algo que non ocorreu neste caso con dous dos concelleiros”.
Agora, o xulgado concede ao Concello e ao secretario un prazo de tres días para presentar as alegacións que estimen oportunas, advertindo de que, se non o fan, a decisión manterase sen necesidade de nova resolución.
Desde o PSOE agardan que, tras esta decisión e á espera de ver como evolucionan os acontecementos, os tránsfugas presenten as súas actas e dimitan como concelleiros, ou que o PP retire o seu apoio a esta moción.