A Xunta volve permitir as queimas agrícolas e forestais controladas
Estas tarefas permanecían suspendidas ata o de agora debido á variabilidade das previsións meteorolóxicas.
A Consellería do Medio Rural permitirá desde este momento tramitar permisos para facer queimas de acordo coa normativa de aplicación, debido a que as condicións meteorolóxicas así o permiten. Isto significa que o día 22, venres, será o primeiro día para realizar queimas previamente comunicadas.
Polo tanto, dende este momento poderanse realizar as comunicacións e solicitudes de autorización de queimas a través da web do Medio Rural de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén estará a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.
Así, os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a devandita lei nos períodos habilitados deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, lembramos que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.
Máis información, aquí: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/permisos-queimas