A Xunta solicita aos concellos as parcelas necesarias para construír os novos centros de saúde

RibeiraSacraXa | LugoXa | AMariñaXa
Os concellos con novos centros proxectados na fase 1 son Pantón, Lugo e Ribadeo, mentres que na fase 2 figuran Becerreá e Guntín.
centro de saude sinal
7 Nov 2021

Os concellos con novos centros proxectados na fase 1 son Noia, Ribeira, Porto do Son, Pantón, Lugo, Ribadeo, O Carballiño, Boborás, Muíños, Caldas de Reis, O Grove, Poio, Cangas do Morrazo e A Guarda, mentres que na fase 2 figuran novos centros para Fisterra, Malpica, Ferrol, Fene, Teo, Becerreá, Guntín, Allariz, Montederramo, Ourense, Barro, Meis, Ponteareas e Mos.

A Xunta de Galicia ten tomado a iniciativa para activar os proxectos de construción de novos centros contemplados nas fases 1 e 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta a pasada semana.

Así, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de remitir cartas aos alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos para os que as fases 1 e 2 do dito Plan propoñen a construción dun novo centro de saúde. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, na misiva solicítase a pronta achega, por parte do concello, dunha parcela viable para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento do novo centro.

Nese sentido, o conselleiro ofreceulles aos representantes municipais a colaboración do persoal técnico dos servizos de obras do Sergas para axudar na localización do terreo axeitado, coa total disposición para visitar e avaliar aquelas parcelas que os concellos consideren e determinar se cumpren ou non coas necesidades requiridas desde o punto de vista técnico, trámite que xa foi iniciado en varios dos concellos destinatarios. Para facilitar a localización das parcelas, o conselleiro indicou a cada concello os metros cadrados de edificabilidade necesarios para o centro proxectado para o seu municipio.

Sinálase, tamén, que a aprobación deste Plan facilita a capacidade de previsión no necesario diálogo coas administracións locais para a posta a disposición das parcelas axeitadas e o inicio dos trámites urbanísticos, ao contar xa cunha superficie estimada do futuro edificio e cunha garantía da vontade da administración autonómica de levar a cabo ese proxecto ao atoparse dentro dunhas prioridades marcadas e coñecidas.

En consecuencia, a Xunta de Galicia traslada de xeito oficial esta vontade a través das cartas remitidas, que achegan tamén o contido íntegro do Plan, no que están detalladas as necesidades obxectivas que motivaron a priorización dos proxectos finalmente elixidos, así como a proposta de plan funcional deseñada para a futura infraestrutura coa que o Goberno galego quere mellorar o servizo sanitario en cada concello.

Plan de Infraestruturas de Atención Primaria

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a pasada semana un Plan de Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria que contempla a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes. As actuacións están divididas en tres fases, das que a fase 0 contempla proxectos coa tramitación administrativa xa iniciada previa sinatura dos oportunos protocolos ou convenios co concello correspondente, polo que xa teñen superada a fase de localización de terreos.

Así, os concellos con novos centros proxectados na fase 1 son Noia, Ribeira, Porto do Son, Pantón, Lugo, Ribadeo, O Carballiño, Boborás, Muíños, Caldas de Reis, O Grove, Poio, Cangas do Morrazo e A Guarda, mentres que na fase 2 figuran novos centros para Fisterra, Malpica, Ferrol, Fene, Teo, Becerreá, Guntín, Allariz, Montederramo, Ourense, Barro, Meis, Ponteareas e Mos. Estes foron os concellos destinatarios das cartas.

Para a elaboración desta planificación contouse co coñecemento existente nas estruturas das áreas sanitarias, que repasaron a situación das infraestruturas da súa contorna para avaliar as maiores necesidades. Os criterios fundamentais que se tiveron en conta para establecer a priorización destas futuras actuacións foron tanto técnicos como asistenciais, valorando circunstancias como a antigüidade dos actuais centros ou o seu estado de conservación, así como as carencias funcionais e operativas que as áreas atopan neles para adaptalos ás necesidades actuais de asistencia sanitaria.

A elaboración deste Plan aliñase coa estratexia de transformación que a Xunta está a desenvolver na atención primaria a través do documento estratéxico “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”. Así, o Executivo galego está a apostar pola potenciación da atención multidisciplinar, do traballo en equipo, e o desenvolvemento en plenitude das competencias de cada categoría profesional implicada neste nivel asistencial, cunha vocación de impulso á saúde comunitaria.

0.19460701942444