A Xunta salienta en Quiroga as axudas a proxectos empresarias non agrícolas para dinamizar o rural

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou este venres o papel das axudas para proxectos empresariais non agrícolas na súa visita á imprenta de Aída Marcos Arias en Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga, que foi beneficiaria destas achegas. Deste xeito, puxo en valor este tipo de accións que contribúen a dinamizar o tecido socioeconómico do rural galego.
Neste sentido, a titular de Medio Rural destacou a iniciativa de Aída Castro e a súa aposta polo emprendemento no rural, xa que trasladou o seu negocio dende Vigo ata esta zona de Quiroga, na que naceu. Por iso, María José Gómez cualificou este proxecto como “exemplo” de dinamización neste tipo de contornas.
Ademais, a conselleira aproveitou a ocasión para lembrar que a convocatoria de 2025 das axudas para proxectos empresariais non agrícolas, xestionadas a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ten o prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 28 de febreiro. Esta liña de apoio, dotada con 1,7 millóns de euros, está dirixida a pequenas empresas situadas nas zonas rurais e a persoas físicas que residan nestas contornas.
A través destas achegas favorécese o financiamento da adquisición de bens de equipo, o que permite a ampliación e modernización do sector produtivo no rural. Por iso, destacou a conselleira do Medio Rural, estas axudas contribúen ao desenvolvemento de actividades en diferentes ámbitos non agrícolas que reforzan o tecido socioeconómico destas zonas ao mellorar a súa competitividade, a creación de novos postos de traballo ou a consolidación dos existentes e o impulso da economía destes territorios.