A Xunta renova a colaboración con Alcer para o traslado de pacientes aos centros de hemodiálise

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O investimento do Goberno galego para este fin increméntase en preto de 15.000 euros con respecto do ano anterior
hemodialise
8 Apr 2026

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun novo convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación de Enfermos de Ril (Alcer), por importe de 687.431 euros, para a xestión e coordinación da cobertura do servizo de traslado das persoas afectadas por insuficiencia renal crónica aos centros de hemodiálise da provincia de Lugo.

O obxectivo deste convenio é simplificar as prestacións por desprazamento dos pacientes da rede sanitaria pública na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Deste xeito, evítase aos pacientes a necesidade de que teñan que solicitar o reintegro de gastos polos custos dos seus traslados para recibir o tratamento.

A cantidade do novo convenio increméntase en preto de 15.000 euros (2,1 %), respecto do destinado polo Goberno galego no anterior acordo.

O convenio autorizado hoxe terá una duración dun ano, desde o momento da súa formalización. Poderá ser prorrogado por períodos anuais ata un máximo de tres anos.

Alcer ten como obxectivo mellorar as condicións de vida do colectivo de enfermos de ril na provincia de Lugo encargándose, entre outras actividades, da xestión do traslado dos pacientes aos centros sanitarios para recibir tratamento de hemodiálise.

Deste xeito, os pacientes que precisen acudir aos diferentes centros da provincia para seren tratados con hemodiálise, serán trasladados en taxi ou, se así o require a súa condición clínica, en ambulancia.

Con datos do ano 2025, este servizo sanitario traslada unha media mensual de ao redor de 160 pacientes, realizando 55 rutas e unha media de máis de 70.000 quilómetros cada 30 días. O número de visitas de cada un dos pacientes sometidos a tratamento de hemodiálise ao centro asistencial estímase en 156 por ano.

0.11778807640076