A xunta reitora da Academia Galega de Gastronomía reuniuse na Pobra do Brollón

A Academia Galega de Gastronomía (AGG), cuxo obxectivo é o estudo, coñecemento e promoción das ciencias e das artes culinarias de Galicia, visitou este luns o concello da Pobra do Brollón con motivo da celebración dunha reunión da súa xunta reitora.
Tras a xuntanza, na que se abordaron diversos temas relacionados coa actividade actual da AGG, os participantes realizaron unha visita guiada ao conxunto de adegas medievais da Abelaira, en Vilachá de Salvadur, onde tamén xantaron e degustaron viño local da D.O. Ribeira Sacra.
O alcalde, Xosé Lois Maceda, agradeceu a visita e o labor da Academia, destacando o valor da gastronomía como un elemento fundamental do patrimonio da Pobra do Brollón que debe ser protexido e promovido.