A Xunta reafirma o seu apoio ao Castañazo Rock

A Delegación Territorial de Lugo acolleu este luns a presentación da vixésima edición do Castañazo Rock de Chantada, que se celebrará os vindeiros venres 31 de outubro e sábado 1 de novembro. A Xunta de Galicia volve colaborar con este evento, consolidado como unha das citas musicais máis emblemáticas do outono galego.
No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias, e os representantes da organización, Ana Lage e Paulo Gómez, quen deron a coñecer os detalles da programación.
O cartel deste ano inclúe unha ducia de concertos con presenza destacada de grupos galegos. O venres subirán ao escenario The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae; mentres que o sábado será a quenda de Baiuca, De Ninghures, Rastreros, A Banda da Loba e a Orquestra Bravú Xangai.
O programa complétase coa actuación de Yaya DJ e o pasarrúas de Mekanika Rolling Band, ademais de actividades paralelas como unha feira de artesanía, cantigas de taberna, os Bravús Games e o espectáculo infantil Ourizo Miúdo, que combina música e teatro. Todos os horarios e detalles poden consultarse na web do festival.
Durante a presentación, Arias felicitou á asociación Castañazo polo seu labor e pola consolidación do evento, subliñando “o impacto positivo que ten na economía local e a aposta por amosar a vitalidade da música galega, con dous días de actuacións en directo de músicos e bandas da comunidade e moito talento lucense”.
O Castañazo de Chantada celebra así dúas décadas de traxectoria, mantendo o seu espírito festivo e reivindicativo, cunha proposta que combina cultura, música e participación veciñal.