A Xunta presume de que a área sanitaria de Lugo se mantén á vangarda en cirurxías pese á folga

Segundo o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, o 2025 rematou co fito de ser a área sanitaria máis áxil de Galicia no acceso a cirurxías, mantendo un nivel de actividade elevado malia os paros médicos convocados nas últimas semanas do ano contra o Estatuto Marco do Goberno central. Así, di que a actividade asistencial aumentou na maioría dos servizos, aínda que a folga provocou un lixeiro incremento nas demoras medias.
A espera media para intervencións cirúrxicas no conxunto da área situouse a finais de 2025 en 55,7 días, fronte aos 47,5 de 2024, un aumento de 8,2 días debido ás mobilizacións. Aínda así, os pacientes desta área seguen sendo os que menos esperan en Galicia. No HULA, a demora media alcanzou os 58,6 días, mentres que nos hospitais da Mariña e de Monforte situouse en 45,5 e 43,5 días, respectivamente, mantendo ambos centros tempos de espera inferiores á media da área. O Hospital da Mariña reduciu incluso o número de pacientes en lista de espera, mellorando os indicadores de accesibilidade e tempo de resposta. No conxunto da área, o 83,5% dos pacientes agardou entre 0 e 3 meses para ser operado.
Durante 2025 realizáronse arredor de 28.000 operacións en toda a provincia. No HULA leváronse a cabo 16.992 intervencións, das cales 13.549 eran programadas e 3.443 urxentes. Das programadas, 5.342 requiriron ingreso hospitalario e 8.207 foron ambulatorias, permitindo unha atención máis rápida e cómoda para os pacientes.
Os pacientes de prioridade I, con patoloxías tempo-dependentes, recibiron atención media en 20,1 días en toda a área, cumprindo co obxectivo de Sergas de atender este colectivo en menos de 30 días. No HULA, a espera media foi de 20,6 días, mentres que no Hospital da Mariña baixou a 11,9 días e no de Monforte a só 2,3 días, un dos tempos máis baixos do sistema galego. Programas como Hermes e vías rápidas para oncología permitiron atender 3.140 pacientes con patoloxías graves, 686 máis que en 2024, un aumento próximo ao 28%.
As primeiras consultas externas aumentaron ata unha espera media de 83,9 días, fronte aos 79,3 de 2024, e en total os hospitais da área superaron as 600.000 consultas. Só no HULA realizáronse 410.326 consultas, das cales 104.527 foron primeiras consultas. A actividade ordinaria medrou grazas á mellora na programación das axendas, alcanzando 10.475 consultas máis que en 2024. As consultas sucesivas situáronse en 305.759, reflectindo un seguimento continuado dos pacientes.
O programa Hermes destacou pola súa capacidade de acelerar a atención a pacientes que precisan valoración rápida. En 2025 efectuáronse 5.298 consultas presenciais con especialistas, 882 máis que en 2024, con tempo medio de resposta de 17 días, catro menos que o ano anterior. Ademais, realizáronse 14.085 teleconsultas entre Atención Primaria e especialistas, mellorando a coordinación e evitando desprazamentos innecesarios.
Nos hospitais da área ingresaron máis de 35.000 pacientes, con estancia media de 7 días. O Servizo de Urxencias do HULA atendeu 113.173 episodios, 2.502 máis que en 2024, dos cales 91.565 foron urxencias xerais, 19.656 pediátricas e 1.830 obstétricas, con 16,27% de ingresos posteriores. As probas diagnósticas tamén incrementáronse: 183.190 radiografías, 41.207 TAC, 13.154 resonancias magnéticas e máis de 42.000 ecografías.
Na Atención Primaria realizáronse case catro millóns de actos asistenciais, con cada lucense acudindo de media 12 veces ao centro de saúde e 6 veces ao seu médico de familia. Nos máis de 80 centros de saúde efectuáronse 3.736.346 consultas, das cales 1.814.899 foron de medicina de familia, 171.077 de pediatría e 1.283.418 de enfermaría. As consultas de enfermaría, matronas e odontoloxía rexistraron incrementos significativos respecto a 2024. Nos PAC atendéronse 231.142 episodios, resolvéndose máis do 90% sen derivación a hospitais.
O xerente Ramón Ares resaltou o compromiso dos profesionais sanitarios que permitiron manter unha atención de calidade e unha actividade asistencial elevada, mesmo ante o impacto da folga médica.