A Xunta pon en valor os últimos investimentos realizados no sur de Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou en Monforte de Lemos os últimos investimentos da Xunta no sur da provincia durante a reunión da Comisión Territorial de Coordinación, que integran os directores territoriais dos distintos departamentos autonómicos.
No eido das infraestruturas, lembrou que vén de rematar a intervención na estrada LU-933 en Monforte, no tramo coincidente coa rúa Chantada e a Avenida Galicia. O Goberno galego investiu uns 52.000 euros nesta actuación co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade de rodadura dos usuarios deste tramo.
Ademais Arias fixo referencia á “forte aposta” polo Hospital comarcal, con máis de 2 millóns de euros destinados este ano ás obras do novo laboratorio de Microbioloxía e da área de Cardioloxía e á licitación do contrato para implantar a área de Pneumoloxía e Dixestivo, aos que se suman os avances no Plan Director, cun orzamento de 1,4 millóns de euros asignado para o vindeiro ano.
O delegado referiuse tamén “ao impulso que supón a recente declaración como área Rexurbe -a oitava de Galicia- do conxunto histórico artístico desta localidade e da súa contorna”.