Organizan no Saviñao e Quiroga catas de iniciación de viños

RibeiraSacraXa
A Xunta organiza catas de viño nos concellos de Quiroga e Saviñao co obxectivo de proporcionar coñecementos básicos de enoloxía e viticultura.
cata vino
4 Nov 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza dúas novas catas de iniciación de viños da Ribeira Sacra nos concellos lugueses do Saviñao e de Quiroga. As accións formativas están previstas o mércores 10 de novembro no auditorio municipal do Saviñao e, ao día seguinte, no Museo Etnográfico de Quiroga. En ambos casos celebraranse en xornada de tarde, en horario de 17.30 a 21.30 horas. 

O obxectivo principal deste curso é proporcionar coñecementos básicos de enoloxía e viticultura aos asistentes, ademais de ensinarlles as habilidades básicas da cata de viños para que saiban distinguir os atributos positivos dos negativos e ter un vocabulario acorde a este tipo de prácticas.   

Así, o programa recolle unha parte teórica centrada nas peculiaridades das subzonas da Ribeira Sacra, pasando polas distintas tipoloxías de viño, a súa maduración e mesmo o seu etiquetado. Seguidamente, combinarase unha parte práctico-teórica sobre as distintas fases que compoñen unha cata, centradas nas parte visual, olfativa e gustativa.  

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico  formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 997 279

0.19425201416016