A Xunta impulsa a recuperación de 45 hectáreas de bosque no Courel

RibeiraSacraXa
Os traballos contan un orzamento de preto de 400.000 euros financiados polos fondos europeos NextGenerationEU
xunta-visita-folgoso
29 Jul 2025

A Xunta de Galicia vén de iniciar un proxecto de restauración ambiental na serra do Courel, no municipio de Folgoso do Courel, cun orzamento de preto de 400.000 euros financiados polos fondos europeos NextGenerationEU. As actuacións, que comezaron a finais de xuño, prolongaranse durante aproximadamente un ano e centraranse na recuperación de espazos naturais afectados polos incendios de 2022 e na mellora de zonas con alto valor ecolóxico.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou este luns os lugares onde se están a desenvolver os traballos, no marco da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Segundo explicou, o proxecto abrangue unhas 45 hectáreas de superficie repartidas por distintas parroquias de Folgoso do Courel.

Entre as actuacións previstas destaca a recuperación do souto da Devesa, na parroquia de Vilamor, onde se intervirá en máis de 25 hectáreas. As tarefas inclúen a poda e tratamento sanitario de castiñeiros, a eliminación de árbores mortas, o desbroce de matogueiras e a mellora de camiños forestais. Tamén nesta parroquia actuarase sobre 5,8 hectáreas de erbedais queimados nos lumes de xullo de 2022, cunha limpeza selectiva de árbores secas para favorecer o rebrote natural dos arbustos.

Ademais, eliminaranse especies exóticas invasoras, como a mimosa, en 1,55 hectáreas, e realizarase un traballo de rexeneración de bidueirais en 3,15 hectáreas do lugar de Vidallón. Alí, despois dos incendios, os bidueiros comezaron a rexurdir e agora cortaranse os fustes queimados para consolidar o novo crecemento.

Na parroquia de Visuña tamén se prevén actuacións nunha zona de 9 hectáreas de rebolos e outras frondosas. Neste caso, o obxectivo é favorecer o desenvolvemento dos exemplares máis fortes mediante aclarados e rozas, garantindo unha mellor estrutura do bosque autóctono.

A iniciativa enmárcase no proxecto de Conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais en bosques de frondosas do Courel, co que a Xunta busca mellorar o estado ecolóxico dos montes e contribuír á loita contra o avance das especies invasoras.

⚙ Configurar cookies
0.18891310691833