A Xunta impulsa a conservación da paisaxe vitícola da Ribeira Sacra cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros

RibeiraSacraXa
As axudas beneficiarán a preto de 800 viticultores e permitirán actuar sobre 810 hectáreas de viñedos, principalmente no concello de Sober
uvas-vendima
24 Jul 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desprazouse este martes ao concello de Sober para salientar o impacto positivo das subvencións destinadas á protección da contorna paisaxística e á loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Durante a visita, estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e puido coñecer de primeira man as fincas dalgúns dos viticultores beneficiarios.

Segundo explicou a titular de Medio Rural, máis de 1,3 millóns de euros permitiron apoiar preto de 800 produtores da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, con actuacións previstas en 810 hectáreas. Esta iniciativa pretende fortalecer unha actividade agrícola clave para a zona, que ademais de xerar emprego e riqueza, contribúe á conservación dunha paisaxe de gran valor cultural, natural e turístico.

Gómez destacou que este tipo de intervencións encaixan coa estratexia de Galicia para lograr que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “A protección desta paisaxe única é fundamental para garantir o seu futuro e tamén o do sector vitivinícola que a sustenta”, afirmou.

As achegas permiten financiar tanto o cultivo de vide en socalcos de pedra —onde a mecanización é complexa—, cunha superficie subvencionada de 520 hectáreas; como o cultivo sen socalcos ou con mecanización, que recibiu apoio para outras 291 hectáreas. O concello de Sober foi o principal beneficiario, cun total de 170 hectáreas incluídas na convocatoria.

As parcelas subvencionadas están distribuídas entre 16 dos 20 concellos que integran a Denominación de Orixe. “Trátase dun esforzo colectivo que reforza o modelo de viticultura sostible e de calidade que queremos para o futuro do viño galego”, asegurou a conselleira.

Estas axudas forman parte dun conxunto máis amplo de medidas que a Consellería do Medio Rural puxo en marcha o pasado ano como resposta ao excedente internacional de viño tinto. Entre as accións complementarias figuran o apoio á destilación de crise, a divulgación das oportunidades do ecorrexime da PAC para cultivos leñosos en terreos con pendente, e novas campañas de promoción do viño galego, así como subvencións específicas para facilitar a recollida da uva.

Por último, a conselleira anunciou que se segue traballando conxuntamente co Consello Regulador da Ribeira Sacra nunha folla de ruta que aposte pola calidade, a innovación e a apertura de novos mercados. Neste 2025, a Xunta tamén destinou 4 millóns de euros para a reestruturación de viñedos, 4,5 millóns para mellorar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e 1,7 millóns para a promoción en países terceiros.

⚙ Configurar cookies
0.69388198852539