A Xunta e o Ministerio de Cultura coordinan o impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse en Madrid co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para establecer unha folla de ruta conxunta que permita avanzar nas accións de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco. A avaliación final desta proposta terá lugar en xullo, no Comité da Unesco que se celebrará en Corea do Sur.
López Campos destacou que a candidatura ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga’ foi seleccionada como representante de España pola súa “paisaxe construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. O territorio abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense e posúe “un valor universal e excepcional” que inclúe desde os canóns e vales fluviais ata o importante patrimonio hidráulico con infraestruturas medievais como muíños e centrais.
O conselleiro mostrouse “máis que satisfeito” co traballo técnico desenvolvido polo Goberno galego e o Ministerio, e resaltou o compromiso compartido para afrontar os “momentos decisivos” que veñen, entre eles unha reunión en febreiro en París co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante a organización, Miquel Iceta.
A Xunta recorda que dende 2017 investiu preto de 8 millóns de euros en máis de 90 actuacións de conservación e posta en valor en bens patrimoniais do territorio, incluíndo igrexas, mosteiros, museos, castros e xacementos romanos. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser un territorio máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, engadiu López Campos.
O conselleiro agradeceu a implicación das comunidades locais, institucións e veciñanza na candidatura, subliñando que esta conta cun amplo apoio social e institucional para lograr o recoñecemento internacional que merece.