A Xunta e o Concello de Quiroga abordan a xestión de axudas aos afectados polos incendios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse este mércores co alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, para avaliar diferentes actuacións do Goberno autonómico no municipio. Entre os temas tratados estivo o funcionamento da oficina de atención ás persoas damnificadas polos incendios, que está operativa desde o pasado 1 de setembro.
Segundo indicou Arias, ata onte a oficina recibiu 112 consultas presenciais e 62 telefónicas, e rexistráronse 32 solicitudes de axudas. Dúas delas correspondían a vivendas afectadas, ambas segundas residencias, e xa foron abonadas.
Durante o encontro tamén se abordou a renovación da cuberta do pavillón polideportivo e a mellora da eficiencia enerxética na iluminación de varias rúas, proxectos que o Concello executa con achegas da Xunta de 60.000 e 30.000 euros, respectivamente.