A Xunta e a Unesco avanzan no impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, mantivo este martes un encontro en París co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta, para avanzar na estratexia da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial para os vindeiros meses.
A cita de hoxe dá continuidade aos encontros que dende o Goberno galego se están a levar a cabo nesta recta final do procedemento, o último co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que tiivo como fin coordinar conxuntamente actuacións para ofrecer o máximo impulso á candidatura. Ademais, Campos lembra que neste semestre levaranse a cabo outros encontros “antes da gran decisión que terá lugar na cidade coreana de Busán” no mes de xullo.
Campos valorou esta cita como “clave” para o proceso e incidiu na importancia de “preparar conciencia e con rigorosidade unha consistente folla de ruta para os vindeiro meses”. O conselleiro afirma que o Goberno galego está a dar “pasos decisivos aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”.
Campos salientou as “boas sensacións” recollidas no encontro deste martes en París e agradeceu a Iceta “a súa implicación co proxecto”. Neste senso, apuntou a reunión que mantivo con el hai un ano, tamén en París, ou a súa asistencia ao congreso internacional celebrado pola Xunta, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, “dentro dos traballos de difusión e promoción co obxecto de acadar que este sexa o sexto Patrimonio Mundial co que conte Galicia”.
A candidatura ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’, salientou Campos ante os representantes da Unesco baséase nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio, que abranguen 26 concellos de Lugo e Ourense, subliñando que presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”.
A proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.
O representante do Goberno galego destacou as “boas impresións cara á candidatura recibidas no proceso” e reiterou que a Xunta está confiada en que a Ribeira Sacra se faga co “merecido e honroso recoñecemento internacional”, ao tempo que se amosou “máis que satisfeito” co traballo realizado, ata o momento, polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura.