A Xunta e a Deputación de Lugo valoran positivamente a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, mantivo un encontro con alcaldes e representantes dos concellos que forman o territorio da Ribeira Sacra cos que compartiu os seguintes pasos da candidatura 'Paisaxe da auga: Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial' tras a decisión unánime do Consello do Patrimonio Histórico de que sexa a proposta de España para a súa remisión a Unesco.
candidatura Ribeira Sacra Patrimonio Mundial Xunta PP
8 Abr 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, mantivo un encontro con alcaldes e representantes dos concellos que forman o territorio da Ribeira Sacra cos que compartiu os seguintes pasos da candidatura 'Paisaxe da auga: Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial' tras a decisión unánime do Consello do Patrimonio Histórico de que sexa a proposta de España para a súa remisión a Unesco.

No encontro, o representante da Xunta de Galicia agradeceu a confianza e a implicación de todos os axentes locais, aos que animou a continuar avanzando “de xeito conxunto e coordinado” cun horizonte claro: acadar o máximo recoñecemento da Unesco.

“Todos debemos estar orgulloso do que levamos feito porque o resultado deste anos é que a Ribeira Sacra é hoxe un territorio máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, trasladou Román Rodríguez.

Neste senso, explicou que, tras a aprobación do Consello de Patrimonio Histórico, a candidatura da Ribeira Sacra entra nunha nova fase na que é preciso seguir traballando “e facendo as cousas ben como ata agora para lograr a inclusión la Lista de Patrimonio da Humanidade”.

“A decisión tomada polo órgano de coordinación do Goberno e as comunidades autónomas é unha moi boa nova para Galicia porque sitúa a Ribeira Sacra de novo na fase final, pero temos por diante meses de moito traballo ata que en 2026 a proposta poida ser abordada no Comité do Patrimonio Mundial da Unesco”, engadiu.

O conselleiro Román Rodríguez tamén felicitou a todos os técnicos e expertos implicados na redacción do expediente, así como aos representantes de concellos, deputacións, entidades implicadas, tecido social e empresarial e veciños “polo intenso traballo feito desde o ano 2021 para poñer en valor e protexer este territorio do sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense”.

Tras a decisión tomada no encontro celebrado na illa da Palma, ábrese unha nova fase de traballo na que, ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.

Posteriormente, o informe será presentado no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en febreiro de 2025, onde será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.

Apoio da Deputación de Lugo

Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ratificou o apoio da institución provincial para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade.

José Tomé subliñou o respaldo e implicación total da Deputación para que a Ribeira Sacra reciba este prestixioso recoñecemento internacional, que “precisamente impulsou esta institución provincial, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, liderando unha campaña de mobilización institucional e social en favor da candidatura coa que recolleu máis de 40.000 firmas nun autobús que percorreu a xeografía galega e do resto de España”.

O presidente valorou o impacto positivo desta declaración en termos de promoción turística e de xeración de riqueza para o territorio, argumentando que “a Ribeira Sacra non necesita ningún carné, pero é verdade que este recoñecemento axuda á promoción a nivel mundial e suporía un empuxón máis de cara a que a Ribeira Sacra sexa máis coñecida, máis visitada e mellor valorada”.

“Agora toca facer unha boa labor didáctica por parte da Xunta de Galicia, porque esta proposta a elaborou o Goberno galego”, explicou o presidente e foi crítico co Executivo autonómico por non ter contado cos concellos do territorio para a nova proposta, pero destacou que “o importante é que saia adiante, e que non pase como pasou hai uns anos, que chegou a comisión de ICOMOS e fixeron unha proposta negativa porque non se fixeron ben as cousas”.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na xuntanza que tivo lugar no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares para avaliar a situación actual e explicar cales serán os próximos pasos que se levarán a cabo ao respecto da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Na liña do que manifestou o presidente, Rivera Capón valorou que “unha retirada a tempo pode ser unha vitoria”. “Agora temos unha oportunidade de comunicar ben o que temos e de poñer en valor algunhas cuestións que restaron no seu momento, como as centrais hidroeléctricas, que forman parte da configuración da nosa paisaxe e contribuíron ao desenvolvemento da zona”, afirmou o deputado, quen engadiu na reunión que é importante para o éxito da candidatura a implicación de todas as administracións e do tecido social, explicando ben o proxecto a todos os axentes involucrados.

0.12917900085449