A Xunta destinou en 2024 preto de 100.000 euros para financiar o Bono coidado no fogar en Folgoso do Courel

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, para avaliar os recursos de atención a maiores deste concello e acordar novas vías de colaboración para seguir mellorando a súa atención.
Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia destinou o pasado ano preto de 100.000 euros para financiar os Bonos coidado no fogar deste municipio. Trátase dunha achega directa de 5.000 euros a aquelas persoas que prefiren ser coidadas nos seus fogares por unha persoa da súa contorna.
Así mesmo, Fabiola García sinalou que este municipio forma parte do programa Xantar na casa que ofrece aos usuarios cada día un menú completo e saudable nas súas casas. En concreto recordou que a Xunta de Galicia destina máis de 15.000 euros para financiar esta iniciativa neste concello lucense.
Fabiola García tamén sinalou a importancia de impulsar novos programas de envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, especialmente nos concellos máis rurais de Galicia. Así mesmo, trasladou á alcaldesa, Lola Castro, o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando na mellora da atención aos maiores e impulsar a súa autonomía.