A Xunta destina 581.000 euros en axudas para impulsar o enoturismo na Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Sete empresas de Chantada e Sober beneficiáronse destas achegas para mellorar as súas instalacións e ampliar a oferta de experiencias arredor do viño
xunta-visita-a-a-man-de-prdo
7 Aug 2025

Sete empresas vinculadas ao sector vitivinícola e turístico dos concellos de Chantada e Sober contan cun novo impulso económico para mellorar as súas instalacións e ampliar a oferta de experiencias arredor do viño e a gastronomía. A Xunta de Galicia vén de concederlles axudas por un total de 581.000 euros no marco do Plan Territorial de Sostibilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia 2023-2025.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este mércores a área para autocaravanas Solpor Camperpark e a adega A man de Prado, dúas das beneficiarias deste programa. No caso de Solpor Camperpark, situada en Sober, o apoio permitirá ampliar a capacidade das instalacións. A iniciativa, que xa fora recoñecida co primeiro premio Agader de Desenvolvemento Rural en turismo, contou desde o inicio co respaldo do Goberno galego a través de Agader e do Polo de Emprendemento de Monforte.

Pola súa parte, A man de Prado destinará a achega a mellorar o entorno exterior da adega, así como a habilitar unha sala de xogos e a realizar outras actuacións orientadas a enriquecer a experiencia dos visitantes.

Segundo explicou Arias, os apoios están pensados para “impulsar a mellora de instalacións e a oferta de experiencias arredor da cultura vitivinícola e a gastronomía”, contribuíndo a fortalecer un dos segmentos turísticos con maior proxección internacional.
Xunto ás iniciativas de Chantada e Sober —como as adegas Ribada, Vía Romana, Val de Lenda, Alma Galega e Cabo do Mundo—, tamén resultou beneficiaria unha empresa de apartamentos turísticos en Ribadeo.

As axudas forman parte dunha estratexia máis ampla de promoción do turismo enogastronómico, financiada con fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Dentro deste mesmo plan está prevista a convocatoria, no último trimestre do ano, dun novo programa dotado con 3,5 millóns de euros para fomentar a mobilidade sostible no ámbito do enoturismo. As axudas estarán destinadas a iniciativas como a adquisición de bicicletas ou patinetes eléctricos, e a instalación de puntos de recarga.

O delegado territorial destacou “o potencial do enoturismo na Ribeira Sacra” e subliñou que a Xunta “apoia ás empresas do sector para conformar unha oferta competitiva e sostible nunha das modalidades turísticas con maior crecemento a nivel mundial”.

⚙ Configurar cookies
0.18829107284546