A Xunta destina 1,5 millóns á segunda fase de axudas para a conservación paisaxística da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A convocatoria anterior permitiu recoñecer o labor de 794 viticultores a través dun orzamento de algo máis de 1,3 millóns de euros
vendimia-viñedos-ribeira-sacra
13 Jan 2026

A Xunta de Galicia abriu a segunda convocatoria de axudas para a conservación paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, cun orzamento de 1,5 millóns de euros. As solicitudes poden presentarse ata o 9 de febreiro.

Estas subvencións, dirixidas aos viticultores da zona, ofrecen ata 1.000 euros por hectárea para cultivos mecanizados e ata 2.000 euros por hectárea para sistemas non mecanizados, cun límite máximo de 50.000 euros por beneficiario.

En 2025, preto de 800 produtores recibiron apoio a través desta liña de axudas, cun orzamento de algo máis de 1,3 millóns de euros.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentou a nova convooctoria este luns no miradoiro de Penas de Matacás, en Castro Caldelas, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Gómez subliñou a importancia da Ribeira Sacra para Galicia, tanto polo seu valor natural como pola súa contribución ao sector vitivinícola, que denomina “viticultura heroica” debido ás técnicas tradicionais de cultivo en terrazas e muros de pedra que caracterizan o territorio. Ademais, lembrou a expectativa de que a Ribeira Sacra sexa finalmente recoñecida pola UNESCO, o que suporía un impulso adicional para a conservación e promoción desta zona emblemática.

Con estas axudas, explicou Gómez, a Xunta pretende garantir a continuidade dun modelo produtivo sostible que protexa o entorno natural e cultural da Ribeira Sacra, clave para o desenvolvemento socioeconómico da rexión.

⚙ Configurar cookies
0.078176975250244