A Xunta defende a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial no III Simposio Internacional de Patrimonio Cultural

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
Lembran que o proceso atópase na súa fase final, que inclúe a visita ao territorio de consultores da Unesco no próximo mes de outubro
Ribeira Sacra
26 Sep 2025

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, destacou este xoves no III Simposio Internacional de Patrimonio Cultural ICOMOS-España, celebrado en Valladolid, que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco en 2026 sería un “xusto recoñecemento ao valor excepcional e único deste territorio”.

Segundo explicou, a candidatura ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’ xa foi admitida a trámite polo Comité Mundial da Unesco tras cumprir “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos”. Na actualidade, o proceso atópase na súa fase final, que inclúe a visita ao territorio de consultores da Unesco no próximo mes de outubro. Despois, seguirán outros procedementos ata a decisión definitiva prevista para o segundo semestre de 2026. “En todo caso, as sensacións foron e seguen a ser boas, o que nos fai confiar na consecución desta distinción en 2026”, afirmou.

Miramontes subliñou que a proposta conta cun amplo respaldo institucional e social e defede o que considera “unha candidatura madura e sólida”. O responsable de Patrimonio defendeu tamén o “esforzo” da Xunta dende que se iniciou a folla de ruta en 2017. Neste período, a Administración autonómica investiu preto de 8 millóns de euros na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais da Ribeira Sacra. En total, dixo, executáronse máis de 90 actuacións en ámbitos como a arquitectura ou a arqueoloxía, incluíndo igrexas, mosteiros, museos, castros e xacementos romanos. “Coa colaboración e implicación de todos temos acadado que a Ribeira Sacra sexa un territorio máis coidado e recoñecido”, apuntou.

A candidatura pon en valor elementos singulares como os canóns e vales fluviais modelados pola auga, así como o seu patrimonio hidráulico, con muíños, centrais e saltos que se remontan á revolución tecnolóxica medieval. Neste sentido, Miramontes destacou que se trata dunha paisaxe creada polo uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”.

⚙ Configurar cookies
0.095921039581299