A Xunta de Voceiros do Concello de Monforte condena de forma unánime o ataque ao futuro centro de menores estranxeiros non acompañados

A Xunta de Voceiros do Concello de Monforte de Lemos, presidida polo alcalde, José Tomé Roca, reuniuse esta mañá logo do ataque con cócteles molotov producido na madrugada do pasado sábado, 20 de setembro, contra o edificio de Prodeme elixido pola Xunta de Galicia para dar acollida a 80 menores estranxeiros non acompañados.
No encontro, no que estiveron presentes a tenente de alcalde, Gloria Prada, a voceira do grupo municipal do Partido Popular, Katy Varela, o voceiro de grupo do BNG, Emilio Sánchez, e o voceiro de Esperta Monforte, Germán Vázquez, acordouse de forma unánime asinar unha declaración institucional á que se lle dará lectura no vindeiro pleno municipal e na que se condenan rotundamente os feitos.
Así, o texto acordado sinala que “o Pleno do Concello de Monforte de Lemos, reunido en representación de todos os monfortinos e monfortinas, manifesta públicamente a súa máis enérxica condena diante dos gravísimos acontecementos acaecidos na noite do venres ao sábado, cando foron lanzados contra o centro Francisco Suárez de Monforte, propiedade da institución social PRODEME, cócteles molotov que provocaron un incendio que causou danos severos no edificio de O Malvarón, afectando gravemente ó comedor ubicado na planta baixa das instalacións, edificio no que a Xunta de Galicia ten proxectada a súa reconversión nun centro de acollida de menores estranxeiros, co obxectivo de acoller uns 80 mozos”.
O ataque, denuncian, “constitúe non só un atentado contra a seguridade e a convivencia no noso municipio, senón tamén un acto que responde a motivacións de odio, racismo e xenofobia, totalmente incompatibles cos valores democráticos que defendemos como sociedade”.
O texto reafirma o compromiso de Monforte de Lemos coa defensa dos dereitos humanos, insistindo que “sempre foi, e seguirá sendo, unha cidade aberta, solidaria e comprometida” onde “a violencia, o medo e a intolerancia xamais poderán ter cabida no noso municipio nin en ningunha sociedade que aspire á xustiza e á paz”.
Por iso, os representantes municipais reafirman o “apoio e solidariedade coas entidades e profesionais que traballan cada día para garantir a protección dos menores estranxeiros, a súa integración e benestar”. Do mesmo xeito, din, “confiamos plenamente no labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Xustiza para esclarecer os feitos e depurar as responsabilidades que correspondan”.
O Concello de Monforte de Lemos fai un chamamento á cidadanía para “manter a unidade fronte a calquera manifestación de odio, reafirmando o noso compromiso coa convivencia pacífica, a igualdade, a diversidade e o respecto á dignidade de todas as persoas” e lembran que “unha agresión baseada no racismo ou a xenofobia non é só un ataque contra unhas vítimas concretas, é un ataque contra toda a nosa sociedade”. “A nosa resposta”, finaliza o texto, “debe ser clara e rotunda: non hai lugar para o odio en Monforte de Lemos”.