A Xunta de Goberno licitou as obras de rehabilitación do firme dun tramo da LU-P-3202
A Xunta de Goberno licitou as obras de rehabilitación do firme dun novo tramo da LU-P-3202, que vai de Monforte a Currelos, no Saviñao, por máis de 250.000€. García Porto sinalou que con este investimento mellorarase o firme dos tres primeiros quilómetros, desde o inicio da vía ata case o comezo do corredor, aínda que o ámbito de actuación destes traballos comprende practicamente a totalidade da estrada, posto que hai que acometer cambios na sinalización. O prazo de execución das obras é de 9 meses.
A Deputada lembrou que a institución provincial “leva investidos xa máis de 400.000€ na rehabilitación desta estrada provincial, que é moi importante para o sur da provincia de Lugo ó tratarse dun traxecto moi utilizado polos veciños e veciñas dos municipios de Monforte e do Saviñao”.
Polígono da Fonsagrada e obras en Becerreá
A Xunta de Goberno adxudicou o contrato para a redacción do proxecto de execución do polígono industrial da Fonsagrada por importe de 35.000€. A adxudicataria dos traballos é a UTE Abante Meiriño e o prazo de execución dos traballos é de catro meses.
García Porto lembrou que a maiores desta achega para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000€ para acometer as obras do parque empresarial da Fonsagrada, “e cumprir así cunha demanda histórica do Concello, da veciñanza e do tecido produtivo do municipio”.
No apartado de obras, o Goberno provincial aprobou tamén a solicitude do Concello de Becerreá para destinar remanentes de actuacións do Plan Único deste ano a tres novas obras por un importe total de 20.000€. En concreto, a Deputación achegará máis de 11.600€ para mellorar o camiño de acceso ó núcleo de Paradeal, outros 2.000€ para a mellora da instalación do alumeado público en Sevane e máis de 5.200€ para o acondicionamento das beirarrúas da marxe esquerda da Rolda de Outeiro desde Eulogio Rosón.