A Xunta crea dous novos pasteiros en Manzaneda e Chandrexa para favorecer a gandaría extensiva

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Estas actuacións de creación de novos espazos para o pastoreo enmárcanse no Plan de Pastos de Galicia
manzaneda-chandrexa-pasteiros
23 Jul 2025

A Xunta continúa a súa aposta pola posta en valor do monte mediante a creación de novos espazos para o pastoreo. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, desprazouse ata os concellos ourensáns de Manzaneda e Chandrexa de Queixa para comprobar o avance das obras de dous pasteiros incluídos no Plan de Pastos de Galicia.

No monte de San Martiño de Arriba, en Manzaneda, estanse a executar traballos cun orzamento de 128.000 euros. A actuación inclúe a roza da matogueira, a instalación dun peche perimetral con postes de madeira e arame, dúas portas metálicas e unha manga de manexo para o gando vacún. “Estas actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural”, destacou Balseiros, quen salientou que tamén contribúen á conservación da biodiversidade, dinamizan a actividade económica e axudan na loita contra os incendios ao “interromper a continuidade dos combustibles, funcionando como cortalumes”.

Xa no monte Zamorela, no municipio de Chandrexa de Queixa, está en marcha un proxecto similar cun investimento próximo aos 112.000 euros. Tamén contará cun peche de madeira e malla gandeira, dúas portas metálicas e a correspondente manga de manexo.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Pastos de Galicia, que desde 2020 leva mobilizadas máis de 1.930 hectáreas distribuídas en 80 pasteiros, cun investimento acumulado de preto de 10,5 millóns de euros. Para o ano 2025, a Consellería do Medio Rural prevé poñer en funcionamento 26 novos pasteiros, que sumarán 519 hectáreas e suporán un investimento adicional de 4 millóns de euros. Ao finalizar o ano, a superficie total mobilizada ascenderá a 2.450 hectáreas en 106 pasteiros e un investimento global que superará os 14,5 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.16276001930237