A Xunta convoca os Premios Extraordinarios para alumnado de ensinanzas artísticas profesionais

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O obxectivo é recoñecer e valorar o esforzo dos alumnos con excelentes resultados nas ensinanzas artísticas profesionais en Galicia
Premios-Extraordinarios-Xunta-de-Galicia
7 Aug 2024

A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Extraordinarios para o alumnado de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño correspondentes ao curso 2023/2024, cos que se recoñecerá o traballo dos estudantes destas disciplinas.

Poderanse conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios: tres no ámbito de Música, un no de Danza e dous no de Artes Plásticas e Deseño. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 1.000 euros.

Para optar a estes premios, as persoas aspirantes deben contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou Danza ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.

O obxectivo é recoñecer e valorar o esforzo dos alumnos con excelentes resultados nas ensinanzas artísticas profesionais en Galicia.

Para Música e Danza deben presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal a persoa aspirante interprete tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais.

Pola súa banda, as persoas aspirantes no ámbito de Artes Plásticas e Deseño deben presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorran.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 16 de setembro e as peticións presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As notificacións serán electrónicas e consideraranse recibidas no momento en que se acceda ao seu contido. Se o aspirante non accede nun prazo de dez días naturais, entenderase que rexeita o premio.

0.15173816680908