A Xunta anuncia que, na segunda quincena de xullo, se cortará a LU-651 para o resto do verán

RibeiraSacraXa
Unha vez acometidos os traballos, procederase ás accións de pavimentación e sinalización, xa compatibles co tráfico
Lu-651-corte
27 Xuño 2024

Desde a Xunta informan de que o corte na estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, que afectará ao tramo entre Ferrería Nova e Seoane, levarase a cabo coincidindo co remate do curso co fin de non afectar ao transporte escolar e que é necesario para avanzar nos traballos de maior afección.

Ademais, na segunda quincena de xullo prevese iniciar a ampliación das dúas pontes do treito, o que requirirá do corte total previsiblemente durante o resto do verán. Nese tempo realizaranse nestas pontes a cimentación, execución de estribos, colocación de estruturas, barreiras ou firme para que se poida restablecer de novo o tráfico cando comece o curso escolar.

Unha vez acometidos os traballos citados anteriormente, procederase ás accións de pavimentación e sinalización, xa compatibles co tráfico. A Xunta prevé rematar este outono estas obras de mellora da estrada LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, cun investimento de 3,4 millóns de euros.

Estas actuacións enmárcanse na mellora integral que impulsa o Goberno galego na estrada LU-651 (Quiroga-Seoane) no tramo de 12 km entre a saída de Folgoso e Seoane do Courel, cun orzamento global de 9,6 millóns de euros.

De xeito paralelo, a Xunta avanza na redacción do proxecto da 2ª fase de acondicionamento desta estrada, entre a saída de Folgoso e a saída da travesía que atravesa o núcleo de Ferrería, cun investimento que superará os 6 millóns de euros.

0.12594485282898