A Xunta amosa o seu apoio ao piloto monfortino, Eduardo Iglesias, que regresa un ano máis ao Dakar
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro co piloto Eduardo Iglesias, único galego que competirá no próximo Rallye Dakar 2025, no que lle desexou sorte, ao mesmo tempo que asegurou que a marca “Galicia Calidade ten aquí unha mostra perfecta”.
Neste sentido, o titular do Goberno galego sinalou que a presenza do piloto monfortino nunha competición de tan alto nivel, por sexta vez, servirá para promocionar á comunidade “nunha das probas deportivas máis importantes do mundo e con máis repercusión”. Así, o mandatario galego destacou os seus valores de superación, esforzo e paixón e aproveitou a ocasión para resaltar tamén o alto nivel dos deportistas galegos.
Eduardo Iglesias conta coa colaboración da Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia, para usar esta proba como escaparate internacional das bondades de Galicia como destino, e da Secretaría Xeral de Deportes, en recoñecemento ao piloto como referente do deporte da comunidade. A competición, que comezará o vindeiro 3 de xaneiro en Arabia Saudita, constará de 12 etapas e case 8.000 quilómetros de percorrido.