A Xunta sobe os niveis de alerta a 2 e 3 por altas temperaturas en diversas zonas de Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Xunta eleva a alerta por calor ao nivel 2 no interior de Galicia e ao nivel 3 en zonas de Ourense. Suspéndese toda actividade deportiva federada ao aire libre nas áreas afectadas, e recoméndanse medidas preventivas ante o risco para a saúde
Calor Extremo
30 Jun 2025

A Xunta de Galicia vén de activar os niveis de alerta 2 e 3 por altas temperaturas en diversas zonas da comunidade, no marco do seu Plan de Actuacións fronte aos efectos do calor sobre a saúde. A onda de calor iniciada o venres pasa así do nivel 1 ao nivel 2 no interior galego e ao nivel 3 en varias comarcas de Ourense.

En concreto, actívase o nivel 3 nos concellos do noroeste da provincia de Ourense e na zona Ourense Miño. Tamén se eleva a alerta ao nivel 2 nas áreas do interior de Pontevedra, Valdeorras, centro e montaña de Lugo e sur de Lugo. Prevese que a situación se manteña, cando menos, ata o martes 1 de xullo.

A Xunta suspende a actividade deportiva federada ao aire libre nos concellos afectados durante o domingo 29 e o luns 30. A medida afecta a 12 concellos do noroeste de Ourense, 21 da zona Ourense Miño, 19 da montaña ourensá, 16 do interior de Pontevedra, 11 do sur de Lugo, 26 do centro de Lugo e 14 da montaña lucense.

As principais recomendacións inclúen beber líquidos sen agardar a ter sede, evitar bebidas alcohólicas e comidas copiosas, vestir roupa lixeira e clara, evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día e permanecer en espazos ventilados. En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase chamar ao 061 e seguir as pautas de primeiros auxilios ata a chegada da axuda.

⚙ Configurar cookies
0.16456890106201