A Xunta activa en febreiro a rede de psicólogos clínicos en atención primaria con 21 novas incorporacións

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia a posta en marcha da Rede de psicoloxía clínica en atención primaria, que permitirá reforzar o abordaxe dos trastornos mentais comúns e mellorar a coordinación coa Psiquiatría
Sergas
3 Feb 2026

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou de que o Consello da Xunta deu luz verde á posta en marcha, durante este mes de febreiro, da Rede de psicoloxía clínica en atención primaria do Servizo Galego de Saúde, coa incorporación de 21 novos profesionais.

Esta medida supón un investimento de máis de 1,5 millóns de euros e ten como obxectivo mellorar a atención á saúde mental da poboación, reforzando o primeiro nivel asistencial cun modelo no que os psicólogos clínicos traballarán de forma coordinada cos equipos de atención primaria e dependerán funcionalmente dos servizos especializados de Psiquiatría.

Entre os principais obxectivos da nova rede están o mellor abordaxe dos trastornos mentais comúns, como a depresión e a ansiedade leve ou moderada, así como os trastornos adaptativos, facilitando o acceso da cidadanía a intervencións psicolóxicas e garantindo unha atención integral, accesible e coordinada.

A posta en marcha desta rede permitirá tamén mellorar a accesibilidade aos recursos específicos de saúde mental, desenvolver accións preventivas e de promoción da saúde mental e optimizar a coordinación entre atención primaria e Psiquiatría nas distintas áreas sanitarias.

Segundo detallou Rueda, a distribución dos novos profesionais será a seguinte: cinco no área sanitaria da Coruña e Cee; tres na de Santiago de Compostela e Barbanza; cinco na área de Vigo; un na de Pontevedra e O Salnés; tres na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; tres na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e un na área sanitaria de Ferrol.

Coas novas incorporacións, a atención primaria galega contará cun total de 28 psicólogos clínicos, avanzando cara ao obxectivo de chegar aos 50 profesionais antes do ano 2030, de acordo co incremento progresivo de especialistas dispoñibles para a súa contratación.

Esta iniciativa forma parte das liñas estratéxicas do novo Plan de Saúde Mental da Xunta, que aposta por unha atención máis integral, coordinada e próxima á cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.086584091186523