A Xunta achaca os malos resultados da obra na LU-933 ao “atraso nos trámites levados a cabo co Concello de Monforte”

RibeiraSacraXa
O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, asegura que este atraso “provocou que o inicio dos traballos tivese que demorarse ata o 12 de novembro, cunha situación climática xa diferente”
LU-933-rua-chantada-monforte
LU-933
16 Jan 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, respondeu ao alcalde de Monforte en relación ás obras de rehabilitación do firme levadas a cabo polo Goberno galego na estrada LU-933 ao seu paso pola localidade e asegura que o “atraso nos trámites levados a cabo co Concello antes do inicio dos traballos condicionou o resultado da obra”.

Neste senso, explicou que “en setembro remitimos ao Concello de Monforte o plan de tráfico que nos solicitou que lle enviásemos antes de iniciar a obra e pasados dous meses seguíamos sen resposta algunha”. Isto, dixo, “provocou que o inicio dos traballos tivese que demorarse ata o 12 de novembro, cunha situación climática xa diferente”. Para executar as obras de asfaltado requírese unha elevada temperatura ambiente e ausencia de precipitacións que aseguren un correcto estendido e compactación da mestura.

Arias confirmou que a empresa que realizou os traballos reparou onte mesmo dúas fochancas que se detectaron no tramo da actuación e confirmou que se procederá a reparar as novas zonas que sexa necesario -como en calquera outro tramo da estrada autonómica que se precise-, cando as condicións climatolóxicas melloren. 

Lembra que as obras realizadas na LU-933 formaban parte dunha operación de conservación ordinaria e consistiron no fresado localizado do pavimento existente e reposición con formigón bituminoso para reparar aquelas zonas onde se tiña constatado a presenza de roturas puntuais e fisuras na capa de rodadura, así como zonas deformadas debido a asentamentos producidos en gabias de redes de servizo. En total actuouse nun tramo de 1.000 metros lineais de calzada, entre os puntos quilométricos 0 e 1+090, coincidente coas rúas Chantada e Avenida Galicia. A Xunta investiu preto de 52.000 euros nestes traballos.

0.17261290550232