A xornalista e comunicadora feminista Cristina Fallarás chega este sábado a Chantada

RibeiraSacraXa
A conferencia terá lugar no Auditorio Municipal da man da asociación Polamiúda e abordará a importancia de escoitar e visibilizar as experiencias das mulleres vítimas de violencia machista
Cristina-Fallaras-Chantada
15 Jan 2026

A asociación Polamiúda de Chantada levará este sábado a Chantada unha conferencia da recoñecida xornalista e comunicadora feminista Cristina Fallarás, que terá lugar ás 18:30 horas no Auditorio Municipal. A intervención leva por título Unha revolución con voz de muller. Por que molestan os nosos testemuños e propón unha reflexión directa sobre a importancia de escoitar e visibilizar as experiencias das mulleres vítimas de violencia machista.

Cristina Fallarás traballa desde o ano 2018 no relato testemuñal das mulleres, primeiro impulsando o movemento #cuéntalo e, desde agosto de 2023, recompilando vivencias de violencia machista que deron lugar a un arquivo formado por miles de voces. Este traballo converteuse nunha ferramenta fundamental para facer visible unha realidade que, segundo a xornalista, segue a ser cotiá e amplamente silenciada.

Considerada unha das figuras máis relevantes do Estado na loita contra a violencia machista, Fallarás leva anos promovendo unha mobilización colectiva de mulleres vítimas de violencia sexual, poñendo o foco na necesidade de dar voz a quen historicamente non a tivo. Desde Polamiúda subliñan que esta conferencia representa unha ocasión singular para tomar conciencia e deixar de mirar para outro lado ante unha problemática que atravesa a sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.080803871154785