A XLV Feira do Viño de Amandi presenta o cartel e o programa oficial

O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, presentou este sábado na Capela de Portabrosmos, na ribeira de Chanteiro, o cartel e a programación da XLV Feira do Viño de Amandi, así como as actividades do Mes do Amandi. O cartel anunciador desta edición é obra do murciano Rubén Lucas García.
A XLV Feira do Viño de Amandi celebrarase do venres 11 ao domingo 13 de abril, coa participación de 44 adegas da subzona de Amandi. A adega encargada de inaugurar a feira é A Cividade, en homenaxe ao décimo aniversario do falecemento do seu fundador, José Verao Rodríguez. O pregón será o domingo 13 de abril ás 13.00 horas a cargo da cantante do Incio, Lucía Pérez, quen tamén ofrecerá un concerto o sábado na Praza do Concello. O Incio, de feito, terá un dobre protagonismo nesta edición, xa que tamén será o invitado de honra.
Mes do Amandi
As actividades do Mes do Amandi comezaron este mesmo sábado 15 de marzo coa presentación do cartel e o programa, seguida da proxección de "Sete oportunidades" de Buster Keaton, acompañado de música en directo a cargo de CASPERVEK, un evento organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte no seu 75 aniversario. O martes 18 de marzo ás 18.00 horas na Biblioteca Pública Municipal presentarase o poemario "MALOMA" de José Carlos López Valcárcel, organizado polo Club de Lectura Pintor de Castinandi. O xoves 20 de marzo, de 12.30 a 14.30 horas na Escola de Hostalaría de Rosende, celebrarase unha xornada de maridaxe con Viño de Amandi e produtos de OVICA (Ovino e Caprino de Galicia) coa colaboración da Fundación Belarmino Fernández e OVICA. O venres 21 de marzo ás 17.30 horas, os participantes de "Merendas con Contos" visitarán viñedos de Viticultores do Amandi. O sábado 22 de marzo ás 19.30 horas no Centro Sociocultural proxectarase "48" de Susana Sousa Dias dentro da I Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, VENDAVAL, edición de primavera. O domingo 23 de marzo celebrarase o Circuíto Comarcal de Cross Escolar coa carreira en Sober, entre a Travesía de Belán e a Rúa de Canabal, como parte do programa Xogade da Xunta de Galicia.
O xoves 27 de marzo ás 12.00 horas inaugurarase a Rúa Maruja Mallo coa intervención do profesor Emilio Insua e o xornalista Ángel Árnaiz, e ás 19.30 horas no Centro Sociocultural terá lugar a primeira sesión do "Círculo de Benestar" baixo o título "Autocoñecemento Emocional", impartido pola educadora social Paula Santos. O venres 28 de marzo, de 11.00 a 14.00 horas en Solpor Camperpark (Pacios de Bolmente), desenvolverase a xornada "Diversificar para expandir e diferenciar un negocio turístico na Ribeira Sacra", organizada polo Polo de Emprendemento Ribeira Sacra, e de 16.30 a 18.00 horas na Biblioteca Pública Municipal, impartirase o taller "Conectando en igualdade: ¿Iguales nos contos?" por Paula Santos. O martes 1 de abril ás 12.00 horas na Escola de Hostalaría de Rosende celebrarase unha xornada técnica e cata comparativa de viños Mencía de diferentes denominacións de orixe, dirixida por Alfonso Losada Quiroga. O martes 8 de abril, de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar no Centro Sociocultural de Sober o "6º Concurso de Sumillers", organizado pola Escola de Hostalaría de Rosende. O sábado 12 de abril ás 19.00 horas no Hotel Aurea Palacio de Sober ofrecerase o concerto "A luz das candeas".
Do 14 ao 16 de marzo na Casa Grande de Rosende realizarase o Taller de Campo "Inspirar. Filmar. Expirar" con Oskar Alegria, organizado por La Plantación. Ademais, do 20 de marzo ao 30 de abril expondranse no Centro Sociocultural de Sober os carteis presentados ao concurso da XLV Feira do Viño de Amandi.
Programa da XLV Feira do Viño de Amandi
Venres 11 de abril:
- 19.30 horas: inauguración a cargo da Adega A Cividade.
- 20.00 horas: actuación da batucada X de L.
- 22.30 horas: actuación de Louband.
Sábado 12 de abril:
- 11.00 horas: apertura de stands.
- 11.30 horas: actuación dun grupo de música tradicional (programa Tradigalu).
- 12.30 horas: actuación da Banda de Música de Sober.
- 17.00 horas: inicio da precata oficial.
- 18.30 horas: batucada Baturruca.
- 21.30 horas: concerto de Lucía Pérez.
- 23.00 horas: actuación de Gin Toni’s.
Domingo 13 de abril:
- 10.45 horas: actuación da Charanga NBA.
- 11.00 horas: pasarrúas coa Banda de Música de Sober.
- 11.30 horas: cata final oficial e misa solemne con bendición de ramos.
- 13.00 horas: pregón a cargo de Lucía Pérez.
- 13.30 horas: entrega de premios.
- 19.30 horas: baile coa orquestra Los Satélites.