A XLV Feira do Viño de Amandi pechou as portas cunha multitudiaria asistencia de público

O Concello de Sober celebrou este domingo o derradeiro día da XLV Feira do Viño de Amandi, cunha multitudinaria asistencia de público.
A xornada central da feira contou co pregón a cargo da cantante Lucía Pérez, natural do Incio, concello homenaxeado nesta edición do evento.
Durante o acto, fixéronse públicos os viños gañadores da edición 2025, que foron os seguintes:
Mellores Tintos Xoves (tres premios):
- Cividade Mencía (Adega Cividade)
- Coronin'24 (A Carqueixa)
- Romeo Domain'24 (Adega Gullufre)
Mellor Branco Xove:
- Don Nilo'24 (Adega Tear)
- Mellor Rosado Xove:
- Cardenal Rodrigo Castro 24 (Adega Soutelo)
Mellor Tinto Barrica:
- Prómine Barrica'23 (Adega A Petrón)
Mellor Viño doutras Colleitas:
- Dona Regina Godello Garda 23 (Regina Viarum)
Todos os galardoados recibiron un diploma e unha peza de olería de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da feira, o artista murciano Rubén Lucas García.
Na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que esta feira rende homenaxe "ás mulleres e homes que, co seu traballo diario, fan posible unha nova colleita", e subliñou que este ano “puidemos compartir o viño coa paisaxe, facendo realidade na praza do Concello o lema do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra: O sabor dunha paisaxe”.
Tamén reivindicou a importancia da colaboración entre administracións e cidadanía para conseguir que a candidatura A paisaxe da auga da Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, destacando que se trata da única candidatura española presentada nos últimos tres anos.
Fernández Guitián lembrou que a primeira Feira do Viño de Amandi, celebrada hai 45 anos, significou non só un gran impulso na valoración dos viños desta subzona da Ribeira Sacra, senón tamén a recuperación da tradicional olería de Gundivós. Fixo unha mención especial a Obdulia Rodríguez, “Lula de Campoverde”, quen participou naquela primeira edición levando as súas pezas feitas a man, e que faleceu hai uns meses. Tamén rememorou a presenza doutros artesáns como Alonso, Agapito, Ventura e Federico, e asegurou que “de non ter sido por aquela primeira feira, quizais hoxe esta tradición ancestral estaría xa esquecida”.
Pola súa banda, Lucía Pérez evocou Terra Brava de Ánxel Fole para ilustrar o espírito da viticultura en Amandi e Sober, unha terra "dura, brava e agreste, pero única e chea de forza", unha forza que se reflicte na autenticidade da súa xente.
Describiu Sober como “un pobo aberto ao mundo” e tivo palabras de recoñecemento para todas as mulleres, coñecidas e anónimas, que fan parte esencial deste territorio: desde as adegueiras, ata a abadesa de Lobios, a explotación gandeira López Lampaza —dirixida por mulleres— ou Lola da Pena de Gundivós, que este mes cumpre 111 anos.
Finalmente, agradeceu ao Concello de Sober o seu apoio aos artistas locais, “dando as primeiras oportunidades que son tan importantes nas nosas carreiras”.
O Concello do Incio, homenaxeado nesta edición da Feira do Viño de Amandi, estivo representado polo seu alcalde, Héctor Corujo, e varios membros da corporación municipal.