A XLIII Feira do Viño de Chantada xa ten cartel oficial

A Feira do Viño de Chantada, que se celebrará do 6 ao 8 de marzo e volverá ser a encargada de inaugurar o calendario de feiras vitivinícolas da D.O. Ribeira Sacra, presentou este martes o cartel oficial da súa cuadraxésimo terceira edición.
O deseño elixido é obra, un ano máis, do artista chantadino Juan José Lomarti. Nesta ocasión, o cartel amosa escenas de encontro e celebración arredor do viño, con persoas reunidas ao redor de cubas, compartindo conversa e brindes, nunha imaxe que pon en valor o carácter social e festivo da cita. O viño, representado a través da cor e da expresión visual, convértese de novo no elemento central da composición.
Dende o Concello de Chantada, organizador do evento, destacan a continuidade desta colaboración artística e subliñan que “os traballos de Lomarti reflicten a alegría desta festa e a importancia da cultura do viño para Chantada”.
Coa presentación do cartel oficial, o Concello inicia a conta atrás para unha nova edición da Feira do Viño de Chantada, unha das celebracións máis representativas do calendario anual da Ribeira Sacra, que cada ano reúne adegas, veciñanza e visitantes arredor do viño e da tradición vitivinícola do municipio.