A XLI Feira do Viño de Chantada xa ten cartel anunciador e data

RibeiraSacraXa
A XL edición da Feira do Viño de Chantada foi todo un éxito con grande afluencia de participación e visitantes
viño vino copa chantada
27 Xan 2024

A XLI Feira do Viño de Chantada xa ten cartel anunciador e celebrarase os días 8, 9 e 10 de marzo. Será, un ano máis, a cita encargada de abrir as feiras do viño na D.O. Ribeira Sacra.

Así, o  cartel deste ano é obra do artista multidisciplinar, Juan José Lomarti, que ten unha fonda vinculación con Chantada e coa súa Feira do Viño, da que xa leva feito moitos carteis para anunciar este encontro festivo co viño da subzona de Chantada, “confían en min para facer o cartel que anuncia a Feira e para min é unha honra”, asegura o autor.

Un acio de uvas de diferentes cores, suxeitas cun corazón verde, lembrando o carácter de corazón de Galicia co que se reivindica o concello de Chantada é a imaxe protagonista do cartel cun fondo que “lembra os efluvios do viño, sabores e aromas que andan polo aire”, explica Lomarti, “o cartel deste ano fíxeno virtual para representar o que me fan sentir o viño e a Feira”.

Consolidada como un dos principais actos festivos que se celebran no municipio de Chantada, a Feira do Viño ofrecerá ás persoas asistentes a proba do viño vendimado neste 2023. Non faltarán diferentes actividades ao redor do viño, actuacións musicais e a Feira de Oportunidades da Asociación de Empresarios de Chantada. Proximamente darase a coñecer toda a programación da Feira.

“Coa presentación do cartel camiñamos cara unha nova edición da Feira do Viño, un dos produtos estrela do municipio e unha das citas máis importantes que se celebran no concello”, destaca o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, que anima a veciños e visitantes a engadir na axenda, do 8 ao 10 de marzo, a Feira do Viño de Chantada.

0.19706892967224